Os domingos, os días de feira, as misas, ou as vodas, eran os momentos nos que a xente que vivía na contorna das vilas e as cidades, aproveitaban para acudir a estas, e así vender, mercar e tamén desfrutar da quebra da monotonía semanal que supoñían estes acontecementos. Froito do gozo dos domingos e dos días de festa, temos en galego os adxectivos domingueiro e domingueira, que como indica o dicionario da Real Academia Galega, cando son dirixidos cara unha persoa, teñen un valor pexorativo.
Da importancia que tiñan estas festividades que marcaban a vida da sociedade, é unha boa testemuña a exposición O traxe festivo da muller aldeán nas terras de Lugo. Unha mostra que nace a partir dun longo, paciente e mimado traballo de recompilación e investigación, que foi realizado polo obradoiro artesán Traxandaina, o cal ten a súa sede na cidade de Lugo.
A exposición conta cun total de 14 traxes de garda, que eran as mellores prendas das que dispoñían as mulleres que os usaron, entre finais do século XIX e comezos do século XX. Por iso, estes só eran postos nos momentos máis importantes na vida da vila.
Para a súa realización, Traxandaina empregou orixinais e reproducións de diferentes pezas que foron recompilando polas vilas e pobos que conforman as Terras de Lugo. Unhas pezas que chegaron ata os nosos días, grazas á custodia que fixeron delas as descendentes das mulleres, que os usaron hai xa máis dun século, conscientes do que significaron eses traxes para as súas nais, avoas ou bisavoas.
O traxe festivo da muller aldeán nas terras de Lugo é unha mostra itinerante organizada polo grupo El Progreso, no eido do programa ‘O teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia, que ten como último emprazamento O Vello Cárcere, onde a poderedes visitar no noso patio ata o día 17 de Maio.
